MÓVETE! - Xoga en galego II

Aproxímase o Día das Letras Galegas e queremos, coma tentamos sempre, facer promoción da nosa lingua e cultura a través do cotiá. Nesta ocasión imos a continuar coa serie de Xogos populares galegos (nas actividades do 27 de abril xa propuxemos algún) .

Para elo nos axudamos do libro “Xoga en galego”, que publicamos no ano 2006 os Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, recollendo estes e moitos mais xogos populares galegos.

AS TABAS

Descrición

Xogo antiquísimo, con pegadas na arte desde a Grecia clásica. Deu lugar a moitas variantes: no número de tabas empregadas, nas regras, nas fases de cada partida…; chegou a incluír o uso dunha pelotiña que veu substituír a pedra mestra ou coutadeira do xogo dos pelouros. Ofrecemos a variante con pelota, característica dos séculos XVII e XVIII, se ben a dos pelouros seguiu sendo practicada igualmente (sen pelota), convivindo coa das tabas. Ambos son xogos de lanzamento e recollida utilizando unha soa man.

Desenvolvemento

As quendas establécense sen botar sortes. Lánzanse as chucas cunha soa man sobre a superficie escollida como zona de xogo. Hai que facer cada xogada coa mesma man coa que se lanza a pelota e mentres esta dá un único bote no chan, para recollela unha vez feito o movemento. As xogadas seguen este proceso: hai que ir poñendo en primeiras, unha a unha, as chucas que non quedaron nesa posición, pasando entón a recollelas tamén unha a unha; repítese o proceso en segundas, en terceiras e en cuartas.

Vaise avanzando na partida con novos xogos que engaden complicacións:

* Sen mover: séguese a mesma secuencia do xogo anterior, pero agora, mentres se recolle cada chuca, non se pode mover ninguna das outras; o mesmo en segundas…

* Deixando sempre unha taba na posición na que se está a xogar: así, en primeiras, hai que recoller unha chuca en primeiras e virar outra que non o estivese para primeiras, deixándoa preparada para o seguinte lanzamento. O mesmo en segundas…

* O montón: colócanse as chucas nunha man e enriba a pelota; lánzase a pelota ao aire, déixanse as chucas no chan e recóllese a pelota; lánzase de novo a pelota recollendo todas as chucas e bicándoas antes de coller a pelota.

Podes descargar a ficha completa deste xogo premendo aqui. https://drive.google.com/file/d/1cHiYPAYjAEmnSMSxc08ExZQeVrAYQoPE/view?usp=sharing 

 

O BRILÉ

Descrición

Dous capitáns escollen equipos nun campo de xogo delimitado por tres liñas paralelas: o medio, desde onde lanzarán os xogadores de cada equipo a pelota; e os extremos, cara onde correrán os membros de cada equipo cando os do contrario lanzan desde o medio. Detrás da liña de cada equipo sitúase a zona dos brilados do equipo contrario. Todos os xogadores deben situarse desordenadamente dentro do campo do seu grupo, menos un de cada equipo que se irá colocar detrás da liña dos contrarios, na zona dos brilados, para coller o balón cando saia fóra.

Desenvolvemento

Bótanse as sortes para decidir en que campo queda cada equipo e quen inicia o xogo lanzando o balón. Nese momento xa se pode tirar contra os do campo contrario desde a raia do medio se se quere, para acurtar a distancia que debe cubrir a pelota -aínda que é posíbel lanzar desde calquera punto do seu campo- e cara á súa zona de brilados, onde xa se situou un compañeiro de equipo.

Podes descargar a ficha completa deste xogo premendo aqui. https://drive.google.com/file/d/1euJYoeHPxFUAdNQyrPOqz9ch07uNBFtm/view?usp=sharing

 

OVO, PICO, ARAÑA

Descrición

Trátase dun xogo de lombas. Bótanse sortes e fanse equipos de dous, tres ou catro nenos cada un.

Con máis é moi difícil xogar. Fai falta unha nai: pode ser un neno ou un adulto que estea sentado. Os do equipo que apanda póñense en posición de poldro -inclinada a metade superior do corpo formando un ángulo recto con respecto ás pernas- e agarrados uns detrás doutros, formando o facu, de tal xeito que o primeiro teña a cabeza apoiada no colo da nai, o segundo detrás do primeiro coa cabeza entre as pernas deste e o terceiro e cuarto na mesma posición que o segundo.

Desenvolvemento

Os membros do outro equipo saltan dun en un enriba dos que están apandando. Os rapaces saben que o que máis lonxe é capaz de chegar (máis cerca da nai), debe facelo en primeiro lugar para deixar sitio aos demais. Estando todos a cabalo, o xefe do equipo de arriba diralle ao xefe do equipo dos pandotes: "ovo, pico, araña", ao tempo que pon as mans semellando un ovo (cos dedos polgar e índice formando un o), un pico (os dedos nun puño menos o polgar, cara arriba) ou unha araña (todos os dedos da man encorvados e separados entre si imitando o corpo deste insecto) e só unha destas figuras en cada ocasión. Se o que está abaixo acerta, os equipos intercambian as funcións; se non, repítese o xogo con cada equipo apandando ou saltando como lles tocara a vez anterior.

Pódese xogar a un número de vitorias: cada equipo só pode contabilizar as súas cando está saltando; cando apanda e acerta, só cambia de función no xogo, sen puntuar.



Podes descargar a ficha completa e normas deste xogo premendo aqui. https://drive.google.com/file/d/1_RXl_C9cvGKEMGEdbbU_DsKyla04Emxu/view?usp=sharing

 

O GUA

Descrición

Trátase do xogo de bólas -bugallos, mecas, bolindres…- por excelencia en Galiza. Recibe o seu nome da focha ou covo ('cuviolo' ou 'couviño') duns dous dedos de profundidade feito no chan -co tacón do zapato, por exemplo-, onde hai que meter as bólas.

A finalidade do xogo é eliminar a bóla do contrario golpeándoa ata oito veces e entrando despois no gua. Quen xoga tira a súa bóla contra a outra e seguirá tirando sempre que consiga bater nela.


Desenvolvemento

O primeiro participante tira a bóla desde o gua en calquera dirección. Despois o outro neno, colocando o dedo maimiño dentro do burato e collendo ao mesmo tempo o bugallo co dedo índice, ten que impulsalo co polgar coa intención de darlle ao carrabouxo do primeiro participante. Se non lle dá, continúa o outro; pero se lle dá, dirá “primeira” ao chincar a bóla; desde onde quede a bóla volve tirar e se lle dá, di "segunda"; se repite a operación será a "terceira"; obtendo o cuarto acerto dirá "truco". As seguintes sortes son: "máis truco" ou ”matruque” e "pé" (ten que ficar un pé entre a bóla del e a do compañeiro) ou “pés” (mídense dous pés entre as dúas bólas). Se non hai pé, pérdese, como sucede nas sortes anteriores se non se lle dá á bóla; mais se se logra o pé, hai que seguir dicindo primeiro “bóla” e despois "paso de bóla" ou “paso bóla”, afastando a bóla contraria do gua. Desde onde quede a bóla propia, apoiado sempre o maimiño no chan, tírase esta para o gua. Se entra, dise "gua" gañando o xogo. Cada vez que se perde, o seguinte reanuda a actividade na xogada onde perdeu a última vez.

Podes descargar a ficha completa deste xogo premendo aqui. https://drive.google.com/file/d/1l99aR6SoIwgGGU6b7B3q05iawkNlqmv0/view?usp=sharing 

previous arrowprevious arrow
next arrownext arrow
Shadow
Slider