Inscríbete nas nosas actividades!!  

   

Reconoce  

 

   

Ocio Inclusivo: claves e ferramentas

Detalles

Unha proposta formativa na que se identificarán os principios do ocio inclusivo a través de diferentes experiencias e perspectivas, e na que se deseñarán propostas de tempo libre accesibles favorecedoras dun ocio para todas as persoas da nosa comunidade.

Segundo o artigo 24 da Declaración Universal de Dereitos Humanos, toda persoa ten dereito ao descanso e ao desfrute do tempo libre. Este é o punto de partida da Escola de Tempo Libre Don Bosco para deseñar unha proposta formativa que contribúa a identificar os principios do ocio inclusivo a través de experiencias prácticas reais da nosa contorna e que ademais favoreza a creación de vieiros e alternativas de tempo libre accesibles e inclusivos na nosa comunidade.
O carácter inclusivo do ocio transcende as medidas que garantan o acceso físico aos diferentes espazos, contornas, bens, produtos e servizos, e implica o recoñecemento e a asunción da diversidade, así como a materialización do dereito de toda persoa, independentemente da súa condición, de acceder, desfrutar e participar coas mesmas oportunidades e en condicións de igualdade.

Coordinación e deseño do programa: Virxinia Alonso Paz

Obxectivos

  1. Crear un espazo vivencial, de coñecemento e reflexión que favoreza a identificación dos piares fundamentais do ocio inclusivo.
  2. Vincular a análise do noso contexto co marco normativo actual e co modelo de ocio inclusivo.
  3. Identificar os principios e características presentes nas experiencias favorecedoras dun ocio inclusivo na nosa contorna.
  4. Favorecer a participación das persoas con diversidade funcional no relato das súas experiencias no desfrute do seu tempo libre.
  5. Identificar as características das redes naturais e das persoas de apoio para o desenvolvemento dun ocio inclusivo das persoas con diversidade funcional.
  6. Descubrir recursos e ferramentas potenciadoras da accesibilidade universal no eido do tempo libre.
  7. Deseñar propostas accesibles favorecedoras dun ocio inclusivo na nosa comunidade.

Metodoloxía
Os contidos deséñanse arredor de catro bloques intimamente relacionados. Comézase abordando as claves do modelo de ocio inclusivo para continuar afondando nas persoas implicadas e nos seus roles, para descubrir posteriormente algunhas ferramentas favorecedoras da accesibilidade universal no tempo libre e finalizar deseñando unha proposta accesible e inclusiva. Esta proposta final, deseñada polas persoas participantes, poderá estar vinculada tanto á súa realidade máis próxima como á Escola de Tempo Libre Don Bosco ou ao Barrio de San Pedro.  
Cada bloque se tratará dende un enfoque teórico-práctico mediante as achegas do profesorado e tamén das persoas participantes, e se completarán coa achega de persoas con diversidade funcional, profesionais e persoas de apoio que transmitan en primeira persoa as experiencias e boas prácticas no camiño do ocio inclusivo.

Duración: 40 horas
Modalidade presencial
-    Venres, 6 de outubro de 2017: 16h-21h
-    Sábado, 7 de outubro de 2017: 9h-14h e 16h-9h
-    Venres, 20 de outubro de 2017: 16h-21h
-    Sábado, 21 de outubro de 2017: 9h-14h e 16h-21h
-    Venres, 27 de outubro de 2017:  16h-21h

Modalidade non presencial: 5 horas de traballo non presencial previo ao venres 27 de outubro de 2017, en horario a elixir polas persoas participantes.

Matrícula

  • Cota xeral: 100 €
  • Cota reducida (estudantes, persoas xubiladas, desempregados/as, persoas das entidades colaboradoras, Profesionais colexiadas/os no CEESG): 75 €
  • Inscrición a través do formulario web
  • Para o pagamento existen dúas posibilidades :
    1.- Ingresando no número de conta da ETL Don Bosco de La Caixa ES59 2100 2186 9802 0012 5132 indicando no concepto o nome e apelidos do/a participante.
    2.- Achegándose ao Centro Don Bosco na rúa Belvís 2 en Santiago de Compostela.

Lugar

Centro Don Bosco, rúa Belvís 2, 15703, Santiago de Compostela

Programa
Bloque 1: AS CLAVES

1. Achegámonos á realidade

  • Diversidade e autonomía
  • Modelos de actuación e paradigma dos apoios
  • Marco lexislativo
  • Experiencia: Un paso, un dereito (Asociación AMIPA)

2. Modelo de ocio inclusivo 

  • Aspectos configuradores do ocio inclusivo
  • A experiencia dende un Servizos de ocio
  • Experiencia: Club Finisterre (ASPRONAGA)

Bloque 2: AS PERSOAS

3. Persoas autodeterminadas

  • Autodeterminación das persoas con diversidade funcional
  • Apoios individualizados
  • Experiencia: Asociación BATA
  • Presentación da ROIG (Rede de Ocio Inclusivo de Galicia)

4. Redes naturais e persoas de apoio

  • Redes naturais de apoio: familia, amizades, comunidade
  • Persoas de apoio: mediadores/as
  • Experiencia: Recursos das persoas xordas. (Delegado de APSSC)
  • Experiencia: ONCE

Bloque 3: AS FERRAMENTAS

5. Ocio accesible: espazos e propostas

  • Vilas e cidades amables
  • Accesibilidade universal e deseño para todas as persoas
  • Experiencia: A accesibilidade física (COGAMI)
  • Experiencia: Accesibilidade cognitiva (AMIPA)

6. Recursos e iniciativas

  • Recursos e materiais para facilitar a accesibilidade universal
  • Achegamento á lectura fácil
  • Boas prácticas en accesibilidade e inclusión no tempo libre
  • Experiencia : Grupo de persoas autoxestoras (ASPAS)

Bloque 4: AS PROPOSTAS

  • Traballo individual non presencial (3 horas)
  • Traballo en grupo non presencial (2 horas).
  • Titoría grupal.
  • Posta en común das propostas de ocio accesibles e inclusivas creadas polas persoas participantes no curso.