
Collemos un anaco de cartón do tamaño que queiramos e lle damos forma redonda (cunhas tesoiras ou cuter, axudados dun plato como guía).
Cun lápis e regra dividimos o círculo en 8 partes como anacos de tarta (primeiro facendo unha cruz e logo un aspa). No medio (onde se cruzan as liñas) faremos un burato coa mesma chincheta que empregaremos para amarrar as frechas que indican:
- O momento (mañá, mediodía, tarde, noitiña, noite) e a tarefa, podemos cambiar o contido do círculo ao gusto e necesidades de cada familia.
- Día da semana actual
- 2 ocos máis: na imaxe aparecen “ o día anterior” e a “ climatoloxía do día”; pero podemos deixar ese oco para outras cousas que queiramos engadir.
Nas pinzas irán escritas:
- Tarefas cotiás (lavar os dentes, poñer a mesa, irse a durmir, tempo de xogo, comer, recoller, facer tarefas escolares, ler, merendar, etc.)
- Os días de semana
- Ou outras opcións
Para as frechas, poderemos empregar o material que teñamos a man (folio, cartolina, cartón, goma eva, etc.) dándolle forma.
Xa só nos queda decorar ao noso gusto cos materiais que dispoñamos (bolígrafos, rotuladores, acuarelas, ceras, pintura de dedo, etc.)

