
Os xogos que vos propoñemos están inspirados en historias que de seguro coñecedes e, senón, investigade un pouquiño.
- Don Quixote e a loita cos xigantes/muíños: Collede un pau de escoba (coma se fora a lanza de Don Quixote) e tratade de atinarlle a unha papeleira, caixa ou similar dende un extremo ao outro do corredor (coidado con non romper nada). A ver a cantos xigantes/muíños sodes quen de lles dar e dende que distancia.
- Os tres porquiños e o lobo: Situade nunha mesa diferentes obxectos con pesos diversos, tales coma un vaso de plástico, unha barra de pegamento, unha peza de madeira dalgún xogo, un bote de conservas baleiro… o que teñades pola casa. Teredes que soprar e soprar ata os obxectos derrubar… Cal é máis doado? Cal vos costou máis?
- A cestiña de Carrapuchiña vermella: Collede varias pelotiñas pequenas (ou facedeas de papel, unhas 10) e tirádeas pola habitación na que fagades o xogo. Teredes que recollelas no menor tempo posible para a vosa “cestiña”. Cronometrade a ver quen é o máis rápido da familia.
- O gato con botas: Teredes que facer unha carreira pero con zapatos doutra persoa da familia, cunha talla diferente. Seguro que non resulta moi doado ir con zapatos demasiado grandes ou demasiado pequenos.
Podedes elixir a vosa historia favorita e inventar un xogo con ela.
