O proxecto levouse a cabo en Craiova, unha cidade ao sur de Romanía, dende setembro de 2021 ata finais de xaneiro de 2022. Nel contei con outros 9 compañeiros voluntarios, xunto cos que realicei obradoiros con adolescentes en institutos da cidade. O obxectivo do proxecto era conseguir aumentar as competencias dixitais e a cultura dixital dos adolescentes, entre outras cousas conseguindo que sexan conscientes da importancia de facer un bo uso das redes sociais, de como darse conta da presenza de fake news, ou como crear un contrasinal mais seguro. Esta clase de coñecemento acerca do mundo dixital veuse complementado por outra clase de obradoiros que tamén levamos a cabo nos cales intentamos transmitir diferentes valores aos mozos e mozas a través de xogos acerca das nosas culturas, ou informándoos da existencia do ESC.
Todos estes obradoiros leváronse a cabo a través de instrumentos de educación non formal e mediante xogos e actividades, nos cales tamén intentamos potenciar conceptos de compañeirismo e de traballo en equipo dos mozos e mozas, entre outras aptitudes desenvolvidas durante os sucesivos meses de duración do proxecto, como a expresión oral en inglés, xa que os alumnos foron progresivamente perdendo a vergoña e atrevéndose a falar máis con nos.
Ao mesmo tempo, contábamos con clases de romanés dous días a semana, e facíamos todas as semanas unha reunión na cal avaliabamos o acontecido a semana anterior e preparabámonos para a semana que estaba por chegar.
LUGAR DE REALIZACIÓN: Craiova, Romanía
DATA DE REALIZACIÓN: Setembro 2021 – Febreiro 2022
VOLUNTARIO: Paula Montero