O Centro Don Bosco de Santiago de Compostela acollerá unha Xornada Solidaria de Gaming e Xogos de Mesa o próximo sábado 21, destinada a recadar alimentos e produtos de hixiene para a súa tradicional campaña solidaria, a Operación Quilo. O evento combinará o mundo dos videoxogos e os xogos de mesa nunha xornada única para todas as idades.
Entre as actividades programadas destacan dous torneos competitivos de videoxogos: un de Super Smash Bros. Ultimate e outro de Mario Kart 8 Deluxe, nos que os/as participantes poderán demostrar as súas habilidades competindo nun ambiente saudable. Pero tamén, se dinamizará un espazo dedicado aos xogos de mesa, onde os/as asistentes poderán xogar libremente e compartir un momento lúdico e colaborativo.
Inscrición
Para participar no evento, as persoas interesadas deberán achegar ao Centro Don Bosco o día do evento 1 kg de alimentos non perecedoiros ou produtos de hixiene persoal. Todo o recadado será destinado a familias en situación de vulnerabilidade a través da Operación Quilo.
Ademais, as persoas interesadas en participar nos torneos de videoxogos precisarán facer a inscrición:
- Torneo de Super Smash Bros. Ultimate: a inscrición realizarase presencialmente, o propio sábado, de 11:00 a 11:30
- Mario Kart 8 Deluxe: a inscrición será presencial, o sábado, durante todo o día
A xornada comezará ás 11:30 e rematará arredor das 18:30. É unha oportunidade perfecta para divertirse, compartir cos demais e contribuír a unha boa causa.
Non perdas esta ocasión de combinar diversión e solidariedade! Anímate a participar e fai que a túa axuda marque a diferenza.