CANLE DE DENUNCIAS

A canle de denuncias ou “sistema interno de información” é un elemento crave para promover unha cultura ética, de transparencia e libre de condutas de corrupción, fraude ou incumprimentos administrativos ou penais atendendo ao disposto na Lei 2/2023, do 20 de febreiro e ao determinado polo art. 31 bis do Código Penal en materia de Compliance.
Neste sentido, a Inspectoría Salesiana Santiago o Maior, responsable do ambiente pastoral de Centros Xuvenís (que agrupa ás Federacións de Centros Xuvenís, as Escolas de Tempo Libre e os Centros Xuvenís), estableceu a dirección web https://www.salesianos.es/canaldedenuncias/ para acceder á canle de denuncias e comunicar incidencias e irregularidades en relación co cumprimento normativo, ademais de informar sobre posibles actuacións irregulares ou ilícitas que poden xerar responsabilidade penal para a Inspectoría ou calquera dos seus ambientes ou ámbitos.
A canle de denuncias proporciona un medio confidencial e seguro para que calquera persoa que se relacione connosco poida denunciar aquelas actividades ilegais ou sospeitosas sen temor a represalias. Para os efectos que aquí nos interesan, a canle non se poderá utilizar para realizar denuncias coas seguintes características:
- Denuncias falsas.
- Denuncias que mostren mala fe de forma manifesta (ex. Denuncia que se presenta varias veces con diferente relato de feitos).
- Denuncias non fundadas ou sen indicios concretos ou determinados (ex. ‘Paréceme sospeitosa a actuación de X, faime dubidar da súa actuación conforme á lei’).
- Denuncias xerais que non inclúan o conxunto de datos mínimos para valorar as denuncias: condutas realizadas, data/s nas que tiveron lugar os feitos e tipoloxía de normativa incumprida (ex. ‘Un compañeiro leva a cabo malas prácticas de comercialización).
- Denuncias sobre feitos non denunciables por non supoñer ningún ilícito ou incumprimento ético (ex. Falta de hixiene dun compañeiro).
- Denuncias relativas a feitos que se atopen en sede xudicial.
A xestión da canle de denuncias está confiada ao despacho de avogados de Fanjul & Tellado xunto co Órgano de Cumprimento Normativo da Inspectoría Salesiana Santiago o Maior, garantindo en todo momento os requisitos establecidos na Lei 2/2023, do 20 de febreiro. Adicionalmente, a canle cumpre co RGPD e a Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais conservándose os datos persoais durante o prazo estritamente necesario e nunca durante un prazo superior do legalmente establecido.
