Campaña Solidaria Operación Quilo

A Operación Quilo pretende sensibilizar a cidadanía, en especial a xente moza, e conseguir recursos de primeira necesidade para as familias empobrecidas das nosas cidades. Xorde en Nadal porque é a época da “paga extra”, pois é un tempo no que se mercan a maioría dos xoguetes e roupa do ano e gástase moitísimo máis en alimentación.

Queremos que nesta época do ano en que a solidariedade e a atención aos outros está máis desenvolvida na sociedade poidamos aportar o noso gran de area solidario.

É unha campaña que se reinventa ano tras ano para adaptarse á realidade e atendendo as necesidades do momento, pero que o que realmente pretende é conseguir que chegue un momento no que non sexa necesaria, sinal de que non haxa persoas que vivan en situacións desfavorecidas. De aí que nos guste traballar o corazón, a  cabeza e as mans. Corazón para descubrir as causas inxustas do mal reparto da riqueza entre nós (familia, pais, mundo), descubrir e animarnos a construír un mundo máis fraterno no que desaparezan as desigualdades de todo tipo.  Cabeza, pois ten unha lóxica a Operación Quilo, non so interna co corazón, senón externa como chegar a máis xente, buscar a maneira de conseguir que os recursos se poidan repartir máis e mellor... E mans, pois no traballo, na suor e no esforzo unímonos máis coas persoas que nada teñen. Non son palabras bonitas, son horas da nosa vida; compartimos vida cos demais. 

 

Obxectivos

  • Sensibilizar a cidadanía das situacións de pobreza nas nosas cidades.
  • Concienciar das desigualdades do noso mundo.
  • Promover un modo de vida máis comprometido coas persoas empobrecidas.
  • Facilitar ferramentas solidarias para que cada persoa achegue o que crea necesario e poida.
  • Encher de boas novas o noso pequeno mundo, a nosa cidade.
  • Colaborar con entidades de acción social que están todo o ano coas persoas empobrecidas.
  • Ser a ”paga extra solidaria” para moitas familias da nosa cidade.
  • Implicar a entidades, organismos, administracións cidadás…, para que acheguen recursos para as persoas máis empobrecidas.
  • Invitar a mocidade e a rapazada a implicarse nunha solidariedade activa, dando a cara polas persoas empobrecidas.

 

Cando?

Nos últimos meses do ano civil poñemos o acento nesta campaña. Aínda que as Comisións de Solidariedade dos nosos centros xuvenís están funcionando todo o ano e reflexionan, fórmanse e deseñan novas propostas a partires da experiencia da última campaña desde outubro até decembro, o momento forte da campaña. 

 

Onde?

Nas cidades galegas de A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo, a través dos nosos centros xuvenís Ateibo, Abeiro, Amencer, Don Bosco e Abertal, respectivamente.

 

Para quen?

Todo o recadado na Operación Quilo vai destinado aos nosos veciños e veciñas que viven en situación de precariedade. Distribúese a través de entidades de acción social que traballan con elas durante todo o ano, como Cáritas, para nós todo un referente. Sabemos que así todo o recadado chega, e chega ben e a tempo ás familias máis necesitadas dos barrios das nosas cidades.

 

Como?

As accións son moi variadas e creativas, dependendo de cada cidade. Indicamos as máis significativas:

  • Formación de voluntarios/as
  • Pegada de carteis por escaparates da nosa cidade
  • Buzoneo de oitaviñas en edificios da nosa cidade
  • Posta de carros solidarios nos supermercados das nosas cidades.
  • Colocación de petos en establecementos con mostrador.
  • Eventos deportivos pro OQ.
  • Eventos musicais pro OQ
  • Eventos culturais pro OQ.
  • Lazos en perruquerías.
  • Colocarse nas entradas de hipermercados e supermercados en días sinalados.
  • Colocación de caixas para a recollida de alimentos, e xoguetes en entidades culturais, educativas , sociais e de mocidade nas nosas cidades.
  • Xornadas de recollida de alimentos en Centros Comerciais.
  • Relación con empresas do ramo da alimentación e xoguetería.
  • Donativos de particulares e anónimos.
  • Actividade “Peso x quilos”.
  • Báscula viaxeira.
  • Roldas e comunicados de prensa.
  • Achegamento a casa de particulares que fan doazóns de alimentos, xoguetes e/ou roupa.
  • Sensibilización polas aulas.
  • Xestos colexiais.
  • Obradoiro de Solidariedade.
  • OQI: semana intensiva de clasificación de alimentos, xoguetes e roupa.

 

Facendo historia...

Operación Quilo de Amencer- Ourense (2019)

Recolléronse os seguintes "quilos":

21.685 quilos de alimentos;

6.540 quilos de xoguetes. 

20.100 quilos de roupa.

Todo o diñeiro recollido (6.494,15 €) inverteuse en alimentación. 

Desde a Operación Quilo de AMENCER colaborouse con 16 Cáritas Parroquiais e dende elas atendéronse a 1.237 familias (3.281 persoas).

Participaron na campaña:

394 voluntarios/as (mozos e mozas e adultos).

267 comercios onde se colocaron petos.

38 perruquerías.

66 puntos de recollida-caixas (79 caixas).

33 supermercados (34 carriños).

15 empresas do ramo da alimentación, xoguetes e menaxe.

20 eventos deportivos.

9 eventos culturais.

5 recollidas especiais de xoguetes. 

Operación Quilo de Don Bosco- Santiago (2017)

 Participaron na campaña de recollida:

  • 9 colexios de Santiago, 1 de Touro e 1 de Boqueixón.
  • 8 centros da rede de centros socioculturais do Concello de Santiago.
  • 14 establecementos comercias da cidade de Santiago.
  • O Futsal, que difundiu a campaña entre os seus socios e afeccionados e recolleu alimentos no partido do 15 de decembro no Fontes do Sar.  

OPERACIÓN QUILO 2017 cun balance de 4.582 quilos de alimentos e de produtos de hixiene persoal recollidos. Estes produtos chegaron a 204 familias con poucos recursos  (604 persoas) e foron distribuídos por varias entidades de acción social da cidade: Cáritas Parroquial de San Pedro e Fontiñas, Asociación Arela, Centro da Muller Vagalume e o Cottolengo.

 

Operación Quilo de Abertal – Vigo (2019)

  • Persoas voluntarias: 95
  • Alimentos recollidos: 7871 (preto de 3 toneladas)
  • Familias atendidas:
    • Fundación Cume: 10 
    • Cáritas: 51
  • Establecementos que participaron: 17 (pequeno comercio) e 1 supermercado

Operación Quilo de Abeiro – Coruña (2019)

  • Persoas voluntarias: 37
  • Alimentos recollidos: uns 2.000 quilos
  • Familias atendidas:
    • Juan Soñador: 35 
    • Cáritas: 30
  • Establecementos que participaron: 3 supermercados + 1 equipo de futsal

 
Máis Que Apoio Escolar
Grupo Scout Khanhiwara
CD Bosco
Espazo Lúdico Papaventos
previous arrowprevious arrow
next arrownext arrow
Shadow